Friday 26 de April de 2024

As rúas Real e Tafona de Padrón acollen ata o 10 de decembro a exposición “Matemáticas para un mundo mellor”


As rúas Real e Tafona de Padrón acollen ata o vindeiro 10 de decembro a exposición “Matemáticas para un mundo mellor”, que foi inaugurada o pasado venres pola concelleira de Cultura, Lorena Couso Dopazo; a decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, María Elena Vázquez Cendón; e María Cristina Vilas Taboada, matemática padronesa colaboradora da Rede de divulgación matemática (DIMA).

“Matemáticas para un mundo mellor” é unha exposición temporal que poderá visitarse nas rúas Real e Tahona. O seu obxectivo é resaltar a presenza das matemáticas no noso mundo e comprender o que achegou a matemática á mellora da sociedade. Unha mostra que consta de dez núcleos temáticos que abranguen a relación das matemáticas cos campos máis dispares: a arte, a beleza, as cidades, os xogos, a loxística… e mesmo as matemáticas contra á Covid.

A mostra forma parte do proxecto “Marzo, mes das matemáticas”, levado a cabo por DIMA en colaboración coa FECYT, e está dirixida a todo tipo de público, contando con contidos nun formato ameno que invitan ao espectador a formularse preguntas e curiosidades ao longo de toda a exposición. Aqueles máis curiosos poden ampliar a información a través de códigos QR.